O Racing Club Ferrol incorpora ao seu cadro a Endika Buján (Barakaldo, 2003), que se converte en novo futbolista do conxunto verde despois de finalizar a súa vinculación co Athletic Club. O extremo biscaíño, que chega a A Malata para reforzar a liña ofensiva do equipo de cara á tempada 2026/27, realizará hoxe o seu primeiro adestramento baixo a tutela de Javi Vázquez.
Zurdo e con capacidade para desenvolverse en calquera das posicións de ataque, Buján destaca pola súa verticalidade, velocidade e solvencia no un contra un. Habitualmente desempeñase pola banda dereita, aínda que tamén pode actuar na banda esquerda ou por detrás do dianteiro. Trátase dun futbolista dinámico, con personalidade para asumir responsabilidades co balón e capacidade de desborde.
Natural de Barakaldo, comezou a súa formación no Danok Bat antes de incorporarse ao Barakaldo CF, onde completou a súa etapa de formación e deu o salto ao fútbol sénior, con dous ascensos de Terceira a Segunda Federación e de Segunda a Primeira Federación. O seu rendemento abriulle as portas do Bilbao Athletic, co que disputou as dúas últimas tempadas en Primeira Federación. Durante ese período tamén chegou a debutar co primeiro equipo do Athletic Club e a formar parte da dinámica habitual do cadro dirixido por Ernesto Valverde.
Buján acumula 47 partidos en Primeira Federación con tres goles e outras tantas asistencias.
Coa súa incorporación, o Racing suma un futbolista novo, que destaca pola súa capacidade para desequilibrar en ataque, a súa polivalencia e o seu descaro co balón, o que ofrece novas alternativas ao conxunto dirixido por Javi Vázquez.
¡Benvido ao Racing!