A Malata lucirá novos marcadores esta tempada
A estrea producirase con motivo da celebración do Trofeo Concepción Arenal
O Trofeo Concepción Arenal, que se disputará este sábado ás 19:00 horas no estadio da Malata, converterase nunha auténtica festa do racinguismo. O encontro servirá como marco para a presentación oficial do equipo ante a súa afección e será tamén a ocasión elixida para render homenaxe aos abonados máis veteranos da entidade.
A xornada traerá consigo importantes novidades na Malata. Ademais da estrea da nova iluminación, entrarán en funcionamento dous modernos marcadores LED, situados na bancada de Fondo Norte (cara a Preferencia) e en Tribuna (colindante co Fondo Sur). Cunhas dimensións aproximadas de cinco metros de ancho por tres de alto, estas pantallas suporán un notable avance, xa que, ademais dos elementos habituais, permitirán proxectar imaxes en directo.
A instalación, totalmente reutilizable, poderá ser reubicada no futuro en función das necesidades do club.