Skip to main content
A campaña de abonados 2026/27 céntrase na fidelidade e na mellora de servizos

Mantemos os prezos de renovación nunha tempada na que as obras de substitución da cuberta do estadio de A Malata limitarán o número máximo de abonos a 9.000.

There are no reactions yet. Be the first!

O Racing Club Ferrol presenta a súa campaña de abonados para a tempada 2026/27, unha iniciativa que recoñece a fidelidade da súa masa social e reforza o compromiso do club coa accesibilidade, a modernización e a mellora da experiencia na Malata.

Un proceso que comezará o próximo luns 6 de xullo e que estará dividido en tres fases: Renovación, cambio de localidade e mellora e novas altas.

Co obxectivo de premiar o respaldo das últimas tempadas, o club manterá o prezo de renovación para os abonados actuais, en liña co pasado exercicio. Uns importes que seguirán situándose entre os máis competitivos de Primeira Federación, especialmente tendo en conta que máis do 40% dos abonados accede a tarifas bonificadas (categorías infantil, sub 20 e sub 30).

No caso das novas altas, os prezos experimentarán un incremento aproximado do 10%, quedando exenta desta subida a categoría infantil.

O abono inclúe o acceso aos 19 partidos da competición regular de Primeira Federación en A Malata, quedando fóra do mesmo tanto os encontros amigables como os posibles partidos de fase de ascenso.

Tanto a fase de renovacións como a de novas altas poderán realizarse de forma presencial e en liña, mentres que os cambios de localidade xestionaranse exclusivamente nas oficinas do estadio. Para optar a un cambio de asento, será imprescindible ter completado previamente a renovación.

Novedades da campaña

A campaña 2026/27 incorpora diversas novidades orientadas a mellorar o servizo ao abonado e adaptar a proposta do club ás necesidades da súa masa social. Entre as principais medidas, atópase a posibilidade de financiar o abono a través de Banco Sabadell para importes superiores a 200 euros, mediante unha operación sinxela que poderá tramitarse coa tarxeta habitual do usuario e que leva unha pequena comisión de apertura.

Na súa aposta por favorecer a transmisión do sentimento racinguista entre xeracións, o club pon en marcha o novo Abono Bebé, dirixido a nenos nacidos durante a tempada e dispoñible por un importe simbólico de cinco euros en calquera bancada. Nesta mesma liña de recoñecemento, estréase o Abono Sénior Histórico, destinado a aqueles abonados que acrediten 65 ou máis anos de antigüidade ininterrompida, quen recibirán un carné gratuíto de carácter vitalicio, suxeito a renovación anual.

Así mesmo, co obxectivo de mellorar a accesibilidade, o Racing Club Ferrol trasladou a atención ao público e a recepción de visitantes á planta baixa das oficinas de A Malata, facilitando así o acceso a persoas con mobilidade reducida.

Abono dixital

O club continuará impulsando o uso do abono dixital como principal vía de acceso ao estadio, dado que se trata do método máis áxil e cómodo para os afeccionados, ao tempo que reduce incidencias asociadas ao soporte físico. Este sistema, baseado en tecnoloxía NFC e código QR, estará dispoñible exclusivamente a través do entorno dixital do club, accesible desde a súa aplicación e páxina web.

A consolidación deste entorno dixital permite ao Racing Club Ferrol optimizar as súas bases de datos, modernizar a relación cos seus abonados e reforzar o seu vínculo coa afección, ofrecendo ao longo da tempada promocións, sorteos, vantaxes exclusivas e contidos de interese, que contribúen a unha conexión máis directa e próxima.

Actuacións en A Malata

De cara ao próximo curso, o Estadio de A Malata afrontará unha intervención estrutural de relevancia, consistente na substitución da cuberta actual. A actuación, promovida polo Concello de Ferrol, permitirá dar resposta a diversas necesidades acumuladas nos últimos anos.

As obras desenvolveranse de forma simultánea á competición, o que permitirá manter a actividade no estadio, aínda que implicará determinadas afeccións. O número de abonados máximos para esta campaña limitarase a 9.000. O club apela á comprensión e colaboración da súa afección ante un proceso que, unha vez finalizado, contribuirá a dotar a A Malata dun entorno máis moderno, cómodo e funcional.

O Racing Club Ferrol informará de maneira progresiva sobre calquera incidencia ou modificación derivada da obra, co obxectivo de manter puntualmente informados a todos os seus abonados.