Skip to main content
Voltamos á orixe para vestir o que somos

O Racing Club Ferrol e adidas presentan a primeira equipación para a tempada 2026/27, unha proposta integramente en verde escuro que recupera o colo clásico e rende homenaxe á identidade racinguista e a Ferrol a través do Camiño Inglés.

There are no reactions yet. Be the first!

Sobria. Sen pretensións. Sen artificios. Porque hai ocasións nas que volver á orixe é a mellor maneira de reafirmar quen somos.

O Racing Club Ferrol presenta, da man de adidas, a súa primeira equipación para a tempada 2026/27. Unha camiseta coa que evocamos unha das imaxes máis recoñecibles da nosa historia. Volvemos vestirnos integramente de verde escuro e recuperamos tamén o colo, un trazo clásico que durante anos formou parte da nosa identidade.

Poderiamos falar dun deseño monocromático. Da limpeza das súas liñas. Ou do protagonismo que adquiren sobre ese fondo o escudo do Racing Club Ferrol e o logotipo do noso patrocinador principal, únicos elementos que manteñen as súas cores orixinais. Tamén de como adidas e o resto de patrocinadores integran os seus distintivos en branco para respectar a harmonía do conxunto.

Pero, máis alá do deseño, esta camiseta é, sobre todo, unha forma de volver á nosa esencia. A esas cores coas que varias xeracións de racinguistas aprenderon a recoñecer ao Racing case sen necesidade de mirar o escudo.

Para guiarnos nese camiño cara á orixe, a equipación incorpora unha cuncha de peregrino dourada xunto ao noso ano de fundación, 1919. Un aceno a Ferrol como punto de partida do Camiño Inglés e unha pequena homenaxe a unha cidade que forma parte inseparable da identidade deste club.

Non necesita nada máis. Porque o verde foi sempre a nosa mellor carta de presentación.

 Homenaxe

Volver á orixe tamén significa mirar a quen mellor soubo transmitir o que representa este club. Un deles, Antonio Pardo "Cholo", é o encargado de guiarnos ao longo do vídeo de presentación desta primeira equipación.

Xogador do noso filial, o Ferrol Atlético; adestrador do primeiro equipo racinguista; formador de varias xeracións de futbolistas na nosa canteira e abonado con case cinco décadas de antigüidade, o seu vínculo co Racing transcende calquera cargo ou etapa.

Porque hai persoas que terminan formando parte da historia dun club. E outras que axudan a mantela viva, xeración tras xeración. Cholo é unha delas.