Skip to main content
Acordo de colaboración entre o Racing Club Ferrol e a UD Somozas

O convenio de colaboración permitirá a ambos clubs consolidar a súa estrutura deportiva e reter talento local

There are no reactions yet. Be the first!

O Racing Club Ferrol e a UD Somozas alcanzaron un acordo de cooperación que permitirá potenciar o fútbol de formación, así como a captación e retención de talento na comarca. Esta colaboración materializarase a través dun réxime xurídico de filialidade do primeiro equipo da entidade somocense, que manterá a súa autonomía xurídica e deportiva, así como o seu nome orixinal.

Este convenio supón un paso relevante na consolidación da nosa estrutura deportiva a través dun elo intermedio clave entre a etapa xuvenil e o primeiro equipo. Deste xeito, os nosos mozos xogadores poderán continuar o seu crecemento nun contexto competitivo esixente, favorecendo unha evolución progresiva cara ao fútbol profesional sen saír do entorno do club.

O acordo nace, ademais, con vocación de continuidade. Ambas entidades comparten unha mesma forma de entender o fútbol e o desenvolvemento tanto dos deportistas como das persoas, o que senta as bases dun proxecto estable e aliñado no tempo.

A elección da UD Somozas responde a diferentes factores que converten á entidade verdibranca no socio idóneo para este proxecto. Por unha banda, a súa participación na Terceira Federación ofrece un contexto competitivo ideal para que os nosos xogadores continúen a súa formación en categoría sénior.

Ademais, a UD Somozas é un club recoñecido pola súa seriedade, solvencia e estabilidade institucional. A súa traxectoria e experiencia contrastada achegan garantías a un proxecto que ten como prioridade a formación e a evolución de mozos futbolistas.

Este convenio de colaboración nace desde unha vontade de crecemento compartido. Tanto o Racing Club Ferrol como a UD Somozas beneficiaranse dun escenario que permitirá fortalecer os seus respectivos proxectos deportivos, impulsar o desenvolvemento do talento novo de Ferrolterra e xerar sinerxías en ámbitos como a formación, a metodoloxía e a planificación deportiva.

A coordinación desta nova etapa recaerá en Michel Alonso, unha figura coñecida en ambas casas, que asumirá a supervisión da relación de filialidade entre os dous clubs, garantindo a aliñación deportiva e metodolóxica do proxecto. Paralelamente, exercerá como responsable de formación do Club, desenvolvendo esta labor de maneira coordinada coa dirección de canteira que ostenta Álex López.

O acordo non se limita ao crecemento dos xogadores. Tamén contempla o desenvolvemento de adestradores e profesionais da área deportiva.