Os nosos alevíns afrontarán un reto internacional na Valnerina Cup
O equipo participará esta fin de semana en Umbría nun torneo con canteiras de primeiro nivel europeo
O noso equipo alevín será un dos participantes na primeira edición da Valnerina International Cup, que se disputará esta semana —de venres a domingo— na rexión italiana de Umbría, con sedes en Arrone e Montefranco.
Entre os conxuntos participantes figuran clubs da entidade do FC Porto e o Vitória Sport Clube, ademais de varios conxuntos italianos con tradición no fútbol base como o Ascoli Calcio 1898 FC, o Ternana Calcio, o AC Perugia Calcio, o ASD Città di Foligno 1928 ou o Terni Football Club.
Máis aló da competición, esta cita servirá para que os nosos mozos futbolistas gocen dunha experiencia única que contribúa ao seu crecemento deportivo e persoal fóra do seu entorno habitual de xogo.
Ademais, terán a oportunidade de convivir con mozos procedentes de distintos países, fomentando valores como o compañeirismo, o respecto e o espírito colectivo.
Dende o club queremos agradecer á ASD Accademia Valnerina a súa invitación para participar nun torneo que, como institución, nos permite avanzar na proxección deportiva que ofrecemos aos nosos equipos e xogadores.