Os abonados non pasarán por billeteira no Concepción Arenal
O club agradece así o apoio da súa masa social. Ademais, homenaxeará aos seus abonados máis antigos.
O Estadio da Malata acollerá o vindeiro sábado día 23, ás 19.00 horas, a disputa do Trofeo Concepción Arenal, un clásico do período estival que alcanza o seu sexaxésimo aniversario e que suporá a nosa posta de longo ante a afección racinguista.
Desde o Racing Club Ferrol queremos converter esta cita, que terá ao Celta Fortuna como convidado, nunha xornada festiva para o racinguismo, na que renderemos homenaxe aos nosos abonados máis antigos.
Tamén queremos aproveitar a ocasión para agradecer á nosa masa social o abrumador apoio que nos está a brindar nesta campaña de abonados. Estamos a bater rexistros históricos. Superados xa os 7.500 abonados, nunca manexaramos tal cifra de seguidores xogando na terceira categoría do fútbol nacional. Como mostra de gratitude, o Consello de Administración do Racing Club Ferrol decidiu que todas aquelas persoas que estean en posesión do seu carné de abonado da tempada 2025/26 accedan de forma gratuíta ao encontro sen pagar entrada.
Para o resto do público, o prezo das localidades será, no caso dos adultos, de 10 € en Fondo, 15 € en Preferencia e 20 € en Tribuna. Os menores de 12 anos deberán aboar 5, 7 e 10 €, respectivamente, segundo a zona do campo. A bancada de afección visitante terá un prezo de 10 € para adultos e 5 € para menores de 12 anos.
As entradas poderán adquirirse tanto de forma presencial como telemática ata fin de existencias.
A venda en liña desenvolverase de forma ininterrompida dende o venres 22 ás 10:30 horas ata o comezo do partido.
No caso da venda presencial, esta terá lugar o venres, entre as 10:30 horas e as 14:00 horas nas oficinas da Malata; e o sábado, dende as 17:00 horas nas billeteiras da Malata (zona de Preferencia).
A tramitación de novas altas quedará en suspenso mentres estea aberta a venda de entradas para o Concepción Arenal, para evitar problemas cos asentos asignados!