O Racing quere facerse forte na Malata
O cadro verde retoma a competición recibindo na casa á SD Ponferradina mañá ás 20.30 horas
Tras o obrigado "parón" da pasada fin de semana, propiciado polo aprazamento do partido ante o Real Madrid Castilla, o Racing volve á actividade e faino na Malata, recibindo á SD Ponferradina. O duelo, que se disputará mañá domingo ás 20:30 horas, pechará a xornada no Grupo 1 da Primeira Federación.
O cadro ferrolán aspira a dar continuidade á vitoria que, hai quince días, logrou —tamén como local— ante o CF Talavera no seu retorno á categoría. Un duelo no que, se ben quedou patente que o equipo está aínda en construción, tamén deixou mostras do seu potencial. A esa calidade que atesouran os seus futbolistas apelará de novo o cadro verde para recibir a outro dos "gallitos" da competición: unha Sociedade Deportiva Ponferradina que chega a Ferrol esporeada despois do seu último tropezo no Toralín fronte ao CF Pontevedra. Os bercianos, que caeron nese encontro pola mínima, non queren cometer os mesmos erros que os levaron, hai unha semana, a sumar a súa primeira derrota nesta campaña.
Racing e Ponferradina víronse as caras a mediados de agosto na Gándara con motivo dun encontro amigable en beneficio da AFAFE. Unha contenda que acabou con empate a un gol e que contou con fases de dominio alterno. A bo seguro, pouco terá que ver ese partido con este que se presenta agora, salvo a intensidade e competitividade máxima coa que tamén se desempeñaron ambos entón.
Pablo López poderá contar con todos os seus xogadores, aínda que deberá administrar a participación dalgún deles, tanto dos que padecen algunhas molestias físicas como de Edgar Pujol. O central dominicano xogou o pasado sábado coa selección absoluta do seu país en Amán ante Xordania, tras o cal afrontou un longo desprazamento.
Aínda que están aínda en período de adaptación, entrarán na convocatoria racinguista os tres últimos xogadores en chegar: Chema Rodríguez, Sergio Tejera e Saúl García.
CONVOCATORIA: Miquel Parera, Migue Leal, Edgar Pujol, Markel Artetxe, Jairo Noriega, Aitor Gelardo, Álvaro Juan, Ander Gorostidi, Antón Escobar, Pascu, Raúl Dacosta, Chema Rodríguez, César Fernández, Sergio Tejera, Álex Zalaya, Saúl García, Álvaro Ramón, David Concha, Álvaro Giménez, David Carballo, Álvaro Mardones, Álvaro Peña, Azael García e Lucas Fernández.
PREVIA
A terceira xornada de liga será un día festivo para a masa social racinguista. Unha das súas peñas máis lonxevas, a Peña Morandeira, celebra o seu 25.º aniversario cun festexo que se desenvolverá na previa do encontro. A cita, na Alameda do Carbón, contará coa animación musical de grupos como Los Limones ou Nuevo Plan..