Estreamos "A Nosa Champions"
O Racing Genuine enfronta este fin de semana a primeira xornada desta competición promovida pola Federación Galega de Fútbol.
Nova cita para o noso equipo Genuine, que tras o seu concurso a semana pasada no segundo torneo de LALIGA Genuine, enfronta este domingo a primeira xornada de "A Nosa Champions", unha nova competición de fútbol inclusivo organizada pola Federación Galega de Fútbol.
A cita, organizada neste caso pola Sociedade Recreativa San Xoan de Calo, congrega a seis formacións: Racing Club Ferrol, Real Club Celta de Vigo, Club Deportivo Lugo, Racing Club Villalbés e Real Club Deportivo de A Coruña, ademais do cadro anfitrión. Os participantes, repartidos en dous grupos, disputarán inicialmente unha liguilla, á que se lle sumará posteriormente outro encontro.
Dezanove xogadores procedentes dos centros cos que habitualmente colaboramos -Souto de Leixa, Nosa Señora de Chamorro e Aspanaes- conforman neste caso a nosa expedición, ao fronte da que estarán os técnicos Iván Pita e Diego Garrido.