Derbi trepidante en Pasarón
O Racing visita ao Pontevedra CF arroupado por máis de 1.200 afeccionados verdes
Arroupado pola nosa fiel marea verde, o Racing estrea 2026 en Pasarón, onde mañá, a partir das 16:30 horas, medirase ao Pontevedra CF en partido correspondente á 18ª xornada do campionato de liga de Primeira Federación Liga Versus E-Learning. Un derbi trepidante entre dous equipos que ocupan posicións de playoff e aspiran a comezar o ano ofrecendo a súa mellor versión.
O equipo que dirixe Pablo López busca dobrar a un adversario que chegou crecido ao parón de Nadal tras enlazar tres vitorias consecutivas e despois de sumar dez dos últimos doce puntos en xogo.
O cadro ferrolán afronta o encontro coas ausencias confirmadas dos lesionados Sergio Tejera e Markel Artetxe, mentres que nas filas pontevedresas o seu técnico, Rubén Domínguez, non poderá contar con Eimil, que cumpre un partido de sanción por acumulación de tarxetas. Brais Abelenda, pola súa banda, regresa á convocatoria granate, aínda que con serias dúbidas sobre a súa posible participación.
O Racing contará en Pasarón co apoio de máis de 1.200 afeccionados. Un respaldo notable que suporá un plus para os nosos futbolistas, desexosos de comezar 2026 dándolle unha alegría aos incondicionais racinguistas.