Co foco posto no Real Madrid Castilla
O choque, clave para as aspiracións racinguistas, dispútase mañá, ás 21.00 horas, en A Malata
Despois de dous aciagos partidos a domicilio, o Racing regresa a A Malata para afrontar mañá, a partir das 21:00 horas, un partido clave ante o Real Madrid Castilla. Xa non se trata só de achegarse a uns postos de play-off dos que agora o separan catro puntos, nin de recortar distancias cun rival directo. Trátase, tal e como lembrou o seu técnico, Guillermo Fernández Romo, na previa do duelo, de reconciliarse coa súa mellor versión, "de aferrarse a todas esas cousas que nos sostiveron nos momentos bos e, a partir de aí, gañar".
Por iso, o cadro verde non mira máis alá deste encontro. Non fai cábalas nin números. O foco está posto no Castilla, un adversario que chega ademais nun gran momento de forma e co ánimo polas nubes despois de golear ao Celta Fortuna e remontar e superar ao Manchester United en Old Trafford hai apenas un par de días en partido correspondente á International Premier League. Os brancos tampouco se poden relaxar. Coa igualdade que existe no grupo, os tres puntos en xogo en A Malata poden marcar diferenzas cos seus adversarios.
Baixas
A presenza de Álex Zalaya na convocatoria, unha vez concluído o seu período de sanción, é a nova positiva nas filas racinguistas. Pero non todas as novidades son boas para Guillermo Fernández Romo, que deberá prescindir de Edgar Pujol por motivos persoais. Ademais, o técnico conta coa dúbida de Álvaro Ramón, afectado por un problema muscular.
Previa
A afección racinguista tamén se conxurou para afrontar esta cita e “quecerá motores” na previa organizada pola Peña D'Tapas en Canido. Unha acción, ademais, de carácter solidario, promovida tamén desde o Museo Racing Club Ferrol 1919, para recadar fondos en favor da asociación Mi Princesa Rett.