Burgos, seguinte parada para o noso equipo Genuine
A terceira xornada do campionato de liga terá lugar este fin de semana
O noso equipo de fútbol inclusivo participa este fin de semana na terceira fase de LALIGA Genuine, que se disputará na Cidade Deportiva do Burgos CF. Vinte e tres escadras daranse cita nun torneo no que o cadro burgalés exercerá de anfitrión e no que os equipos competirán divididos nos grupos “Respeto” e “Compañerismo”.
O Racing Club Ferrol está encadrado no primeiro deles, con dous encontros programados. O sábado, ás 11.00 horas, verase as caras co CD Lugo; mentres que o domingo, ás 12.00 horas, terá en fronte ao Real Racing Club.
Iván Pita, en colaboración con Diego Garrido e Fernando Quiroga, dirixirá ao conxunto ferrolán, que no que vai de campionato xa mediu as súas forzas con SD Huesca e Real Sporting, durante a segunda parada disputada en Abegondo; e con FC Andorra, Córdoba CF e UD Las Palmas, na cita inaugural de Tarragona.
Cada unha destas sesións supón unha nova oportunidade para que os nosos xogadores gocen do fútbol na súa máis pura esencia, dentro dun marco de compañerismo, deportividade e inclusión que fan desta unha competición única. O torneo, organizado pola Fundación LALIGA, é un exemplo en canto á normalización da práctica deportiva entre persoas con discapacidade intelectual e, en conxunto, mobiliza ao longo da tempada a 47 equipos, con máis dun milleiro de xogadores e decenas de voluntarios.
No caso do noso equipo Genuine, a expedición está composta por 25 xogadores procedentes dos centros Aspanaes, Aspaneps, Virxe de Chamorro e Souto de Leixa. Entidades, todas elas, coas que colaboramos habitualmente e a través das que desenvolvemos o noso programa de fútbol inclusivo.
Tras esta cita en Burgos, aínda nos quedará unha última etapa, o último fin de semana deste mes, en Bilbao.