Skip to main content
GL

"A festa do NON", por Fernando Pumar | OPINIÓN |

Artigo de opinión do ex-xogador de fútbol Fernando Pumar: "A festa do NON"

There are no reactions yet. Be the first!

A Malata (Ferrol), 9 de setembro de 2024

Estimados lectores, considérense convidados á barra libre da negación.

Antes de confirmaren ou non a súa asistencia ao evento, vou explicar o contido e funcionamento da reunión e dos personaxes que encherán a sala. Como o propio título indica, o obxectivo é dicir todas as cousas que non están ben, que non funcionan, que non son como nos gustaría. Trátase, por tanto, de ver todo o que segundo o criterio de algúns está mal -spoiler: un gran porcentaxe dos asistentes son persoas pesimistas-.

Non lles falta razón en algún dos seus comentarios. Despois de tantos anos vendo fútbol, algo se aprende. Pero se, por casualidades do destino, tivesen razón, perdena toda coas formas. Tampouco é que as críticas non se acepten ou non estean permitidas. Calquera crítica, se é construtiva, debera ser emitida, escoitada, aceptada e tida en conta; máis cando está claro que as cousas non están a saír todo o ben que deberían. A realidade é outra. Todas as frases que se enunciarán nesta festividade serán case máis un listado de opinións subxectivas e negativas que un debate sobre todo o que pasa e inflúe no contorno dun equipo-clube-cidade.

Se queren ir á reunión con máis información, máis preparados, lles podo adiantar que algúns xa comezaron a calentar coas súas queixas e lamentacións. Os fichaxes NON teñen nivel, o equipo NON está unido, NON hai plantilla para salvarse. Para que alguén entenda o contexto, ningunha destas negacións son a verdade absoluta dunha situación moito máis complexa e que ten numerosos e diversos factores en xogo.

Está claro que os resultados están lonxe de gustar, pero é moi cedo para baixarse do barco, é moi cedo para tirar por terra toda a ilusión xerada nos últimos anos. Pensaba o remitente que estas tempadas se construíran uns cimentos fortes sobre os que desenvolver un proxecto, que se gañara o club o dereito e a confianza a medrar sen o risco do ruído do contorno, que se conseguira cambiar a mentalidade da xente pesimista que sempre ve o vaso medio baleiro. Pensaba o remitente todo isto, pero é que o fútbol non deixa de sorprenderche nin cando xa non estás.

Muitos dos que estes anos estaban “aburridos” celebrando xa están de novo co martelo a repartir. O problema non é que se critique ao equipo ou ao club. O problema é que ese ruído, que ao principio é leve, precisa moi pouco para converterse nun runrún que empece a restar e lastrar o traballo necesario para poder sacar os obxectivos adiante. O domingo en A Malata escoitei por primeira vez en moito tempo berros de “que malo es” a algún xogador. Non nos equivoquemos e retrocedamos por un camiño que nos custou moito andar. Non pensemos que así axudamos e non pensemos que os rapaces non están a intentar todo e máis para facer as cousas mellor.

Non sei como rematará todo, non sei se será mellor ou peor tempada que a pasada, non sei se loitaremos polos mesmos obxectivos ou por outros, pero se queremos axudar e sumar debemos confiar, crer e animar, porque ese é o graniño de area que podemos aportar para que todos xuntos consigamos os obxectivos que veñan. Así que, se decidides confirmar asistencia ao evento, espero que sexa para chegar, tomar o control e poñer un tema que escoitei o outro día nun festival e que foi o que me incitou a escribir isto. Non é o meu grupo favorito, de feito, nin coñecía a canción, pero gustoume a letra. ¡Oxalá vaíades! Sed valentes. Quizais convenzades a alguén máis ca min. Sigamos animando.

De L.A. A Nova York. Marlon.

… Non imos pedir desculpas por nada
Temos tantas cousas que aprender
Que xuntos somos a mellor xogada
Que xuntos ninguén nos pode vencer
Non imos pedir desculpas por nada
Porque nada temos que perder
Que xuntos somos un puto nirvana
Que xuntos ninguén nos pode vencer …

Atentamente,

Fernando Pumar